Sesión de traballo e primeiro retrato
Documentary - Viewings: Fragments in the classroom - Views of the world
En primeiro lugar visualizamos e comentamos todos aqueles planos que o alumnado tiñamos gravados. Para comentalos incidimos nas luces, no son, no tipo de plano, na duración deste e na montaxe dos planos.
Tamén vimos distintos fragmentos de películas, de cineastas como: David Perlov, Raymond Depardon, Nicolas Philibert, Christophe Farnarier, Mercedes Álvarez ou Agnès Varda. Identificámonos cos fragmentos de “Primavera” (C. Farnarier) e “Perfiles Campesinos” ( R. Depardon), pola semellanza da paisaxe que amosa, coa nosa, debido ás montañas, a neve entre outros aspectos.
Logo , para introducirnos o retrato que posteriormente íamos facer vimos, a modo de exemplo os retratos que fixo Agnés Varda en “Daguerrotipos”, unha rúa na que só quedaban oficios destinados a desaparecer. Inspirados por ela decidimos retratar ao noso veciño Suso, o dono da única queixería de Pedrafita, que recuperou o oficio de como elaborar o queixo tradicional do Cebreiro. Tamén, inspirados por Varda decidimos como gravar os planos e como íamos realizar a montaxe destes.
Divididos en grupos repartimos o traballo, gravando 6 planos nos que se retrataba todo o traballo que alí se realiza, como é o proceso e o lugar. Un grupo, encargouse de retratar a Suso, o devandito dono da queixería; outro, encargouse de retratar aos traballadores da fábrica facendo o seu traballo diario; o terceiro foi o encargado de gravar o proceso das máquinas; e por último, o cuarto foi o encargado de filmar o exterior da fábrica.
Para rematar o proceso, no centro, montamos algúns dos nosos planos e aqueles feitos na queixería. Neste proceso fomos aprendendo como montar un plano, como inserir voces nos planos, como modulalas, como superpoñer imaxes, transición de son e imaxe, a importancia de ter planos de duración suficiente para ter liberdade na montaxe, …