Projecte

Cinema en curso defínese como un programa de pedagoxía do cinema e co cinema porque persegue un dobre obxectivo prioritario: achegar aos mozos o cinema como arte, creación e cultura, e explorar as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica.

Iniciouse en Cataluña o 2005 e desenvólvese en escolas e institutos con alumnos de entre 3 e 18 anos. Un dos seus principios primordiais é o traballo conxunto e continuado de mestres, profesores e profesionais do cinema (realizadores, guionistas, directores de fotografía, montadores…).

 O programa desenvólvese en tres eixos principais:

  • Os obradoiros. Unha das apostas fundamentais de Cinema en curso é a presenza continuada dos profesionais do cinema nos centros educativos, onde imparten os obradoiros xunto cun equipo de docentes e dentro do horario lectivo. Os obradoiros articúlanse a partir do vínculo entre ver e facer cinema co convencemento de que a experiencia da creación é fundamental para formar espectadores activos, sensibles, críticos e creativos.
  • Formación do profesorado para dotalo das ferramentas instrumentais e metodolóxicas necesarias para unha boa transmisión do cinema. A súa formación e o contacto directo cos profesionais do cinema ten un valor exponencial na súa práctica docente presente e futura.
  • Laboratorio de investigación aplicada. Integrado por profesionais do cinema e por docentes de todos os niveis educativos, o equipo de traballo analiza as experiencias desenvolvidas nos obradoiros e xera recursos, materiais, propostas e metodoloxías extensibles a todos os contextos educativos.