Comezamos a ficción!!!
Emocionados comezamos a ficción e falamos de ilusións e retos. É unha nova aventura da que non partimos de cero, temos un longo camiño percorrido: planos do mundo, visionados de autor, formas de facer e de estar como grupo e, por suposto, a experiencia de facer unha película documental. Sabemos que todos e todas teremos que poñer moito de nós neste precioso e intenso traballo de creatividade: crear un personaxe que se emociona porque está vivindo unha situación que podería vivir e sentir calquera neno/a da nosa idade. Será polo tanto, un cine que mire cara adentro, un cine de INTROSPECCIÓN. Como non coñecemos esta palabra, buscamos a súa orixe e definición.
Logo visionamos un fragmento sen ter referencia algunha del, simplemente tiñamos que fixarnos no personaxe e indicar como pensabamos que se podía sentir. Despois, imaxinamos que situación emocional lle levaría a estar así. Foi curioso que, cando nos contaron o argumento da película, había moitas coincidencias. Concluímos que as decisións do cineasta estanos transmitindo moitas cousas. Era un fragmento de “Ós nosos amores”, de Pialat.
|
![]() |
Tomando nota na libreta de cine das conclusións do visionado de "Ós nosos amores", de Pialat
Mar camiña como a protagonista de "Ós nosos amores"
A situación emocional deste personaxe levounos a pensar no que a nós nos pode emocionar. Listamos e describimos varias situacións emocionais dun neno/a da nosa idade. En concreto, centrámonos en dúas:
- A separación. Un neno que ten que marchar porque os seus pais van buscar traballo noutro lugar.
- A meta non conseguida: a necesidade de sentirse querido. Un neno/a que non se sinte querido polos seus pais que traballan moitas horas e non lle prestan atención.
Visionamos tamén nestas dúas sesións outros tres fragmentos que nos falaron de emocións e de como o cineasta as transmite coas súas decisións cinematográficas:
- “Yuki e Nina”, de Nobuhiro e Girardot
- “Finais de agosto, principios de setembro”, de Oliver Assayas
- “Querido diario”, de Nanni Moretti
Podedes seguir con detalle todo o noso proceso neste pdf: